Regresión do soño, todo o que necesitas saber

Cando tes un bebé, o seu tempo e o teu tempo de descanso convértense nunha prioridade. Cando nacen, os bebés non teñen unha rutina de soño establecida. Esta rutina deben adquirila e conséguese con paciencia e inculcando novos hábitos no/a pequeno/a.

Ocorreuche que, tras conseguir esa rutina e establecer hábitos de soño, sentes que volves ao momento de partida? O teu bebé comeza a espertarse máis veces no medio da noite, cústalle durmirse, etc., a isto chámaselle regresión do soño, un momento de cambios no soño do teu bebé.

É moi común entre os/as máis pequenos/as e para que saibas como afrontar este momento, contarémosche un pouco máis a continuación. Ademais, se queres saber máis sobre o soño do teu bebé, podes ler o noso blog Como debe durmir un bebé recentemente nado.

Que é a regresión do soño

O teu bebé, durante toda a etapa de crecemento, vai adquirir novas habilidades e coñecementos, estará moito máis atento a todo o que lle rodea e mesmo pode chegar a sentirse un pouco tenso por todos os estímulos do exterior que recibe… Isto pode chegar a afectar á súa rutina de soño, que se verá alterada e por tanto custaralle máis durmir.

Con todo, isto non debe preocuparche, dado que todos os bebés pasan por etapas de maduración e sofren regresión do soño en diferentes momentos do desenvolvemento, aínda que non lles afecta a todos do mesmo xeito.

que-es-regresion-sueno-bebe-gadis

Posibles efectos para detectar a regresión do soño no teu bebé

Entre tantos sinais que pode mostrarche o teu bebé, os máis habituais poden ser:

  • Chorar á hora de durmir, tanto pola noite como no momento da sesta.
  • Que tarde máis do normal en durmirse.
  • Saltarse algunha das súas sestas durante o día.
  • Que se mova máis mentres dorme ou que se esperte durante a noite demasiadas veces.

Debes ter en conta que existen diferentes motivos polos que o bebé deixa de durmir e que non ten por que ser unha regresión do soño. Se tes dúbidas, o que debes facer é acudir sempre ao teu pediatra e seguir as súas indicacións.

Cando se producen as regresións?

As regresións do soño prodúcense varias veces nos seus primeiros anos de vida. Lembra que cada bebé é diferente e non todos eles as vivirán da mesma forma. As máis habituais prodúcense en torno ás 6 semanas, 4 meses, 8/10 meses, 12 meses, 18 meses e aos 2 anos.

  • 6 semanas. É o momento no que os bebés teñen un gran crecemento, polo que a demanda de leite será maior. Isto fai que lles custe máis conciliar o soño.
  • 4 meses. É a máis común, xa que se produce un cambio no seu ritmo biolóxico, pasando de dúas a catro fases de soño.
  • 8/10 meses. Momento no que empezan a gatear, a sentar
  • 12 meses. Comezan a camiñar e a estar máis activos, polo que as sestas redúcense.
  • 18 meses. É unha etapa na que se volven máis independentes e queren facer máis cousas
  • 2 anos. Empezan a ser conscientes de que a vida continúa cando eles se van á cama, polo que quererán estar en todo momento contigo e sen durmir. É o momento no que pasan a unha “cama de maiores”, poden ter pesadelos, comezan a experimentar novos desafíos, etc.

Como podes axudar ao teu bebé coas regresións do soño?

É fundamental que saibas que todas as regresións do soño son temporais, é dicir, unha vez que as supere, gozará da súa rutina de soño habitual e durmirá con total normalidade. Lembramos a importancia de ter establecida unha rutina de soño na vida do teu bebé para que lle resulte máis fácil volver a ela cando se producen estes cambios á hora de durmir.

como-ayudar-regresion-sueno-bebe-gadis

Contámosche algunhas recomendacións para que poidas axudar ao teu bebé para pasar por estas etapas da mellor maneira posible:

Relaxa ao teu bebé con cancións

Existen moitas nanas e cancións que podes poñerlle á hora de durmir para acougalo e que poida conciliar o soño de forma sinxela.

Evita estímulos durante a noite

Sabemos que pola noite o teu bebé ten necesidades como cambiar o cueiro ou alimentalo, pero debes converter ese momento nun tranquilo. Evita que se distraia a través de caricias ou podes utilizar unha luz nocturna para reducir a iluminación.

Non elimines as sestas demasiado pronto

Antes de tomar a decisión de eliminar algunha das súas sestas durante o día, é importante tratar de resolver esta regresión do soño primeiro. Ademais, as sestas axúdano a pasar o día máis tranquilo e a reducir a hiperactividade.

Darlle un baño ou masaxe relaxante

Tenta que o teu pequeno/a se vaia a durmir nun estado de tranquilidade e calma. Darlle un baño ou masaxe para axudarlle a estar máis tranquilo/a pode facer que concilie mellor o soño.

Ten paciencia

Cando os bebés pasan por estas regresións do soño adoitan estar irritados ou confundidos. Debes manter a calma e ter paciencia, transmítelle que é unha situación normal xa que a preocupación pode alteralos máis.

Desde Bebé Gadis sabemos que o mundo do soño pode ser unha etapa estresante ou esgotadora, pero o importante é que estes momentos son temporais e moi normais no desenvolvemento do teu bebé. Por iso, a través destes consellos, esperamos axudarche a superar esta e outras etapas que vivirá o teu pequeno/a.

Lembra que tes máis artigos dispoñibles na nosa sección Consellos expertos.

 

Artículo escrito en colaboración con AGaEP, a Asociación Galega de Enfermaría Pediátrica.

logo_agaep

Os primeiros dentes do teu bebé

Os primeiros dentes do teu bebé xa están aquí!

O recordo do primeiro dente do teu fillo/a é moi especial, aínda que poden xurdir preguntas como en que momento empezarán a saír os primeiros ou cales son os síntomas que pode padecer.

Queremos contarche un pouquiño sobre a dentición e resolver algunhas dúbidas que adoita haber.

 

Cando lle saen os primeiros dentes ao teu bebé?

Xeralmente os primeiros dentes empezan a aparecer ao redor dos 6 meses, aínda que pode ocorrer que o teu bebé se adiante ou que se atrase ata mesmo despois dos 12 meses. Este proceso non debe preocuparche, pois cada neno/a é diferente.

Habitualmente, os incisivos inferiores saen antes que os superiores e é a partir dos dous anos e medio ou tres, aproximadamente, cando a dentadura temporal se completa.

Lembra que, se o teu bebé tarda un pouco máis ou se adianta, non é motivo de preocupación, cada bebé ten o seu ritmo.

Síntomas da dentición no bebé

Cando os primeiros dentes do teu bebé empezan a saír adoita ser un momento bastante incómodo, primeiro para el xa que está a sufrir as molestias e dores que iso implica, e para ti, xa que pode ser difícil acougalo ou aliviarlle a dor.

sintomas-primeros-dientes-bebe-gadis

 

Os sinais máis habituais que indican o momento do nacemento dos seus dentes son o babexo e a irritabilidade, pero existen outros síntomas comúns. Por aquí contámosche algúns e como podes axudar a alivialos:

  • Obviamente un dos síntomas é a propia erupción dos dentes. Poida que visualices un dente moi pequeniño asomando na enxiva antes de que sufra ningún tipo de dor.
  • Inflamación das enxivas. A enxiva inflámase e pode resultar dura ao tacto, chegando a ser moi molesta para o/a pequeno/a.
  • Tal e como comentabamos antes, o babexo é outro dos síntomas. Prodúcese unha salivación excesiva, a cal se ve pronunciada cando o teu bebé introduce as súas mans e os dedos na boca porque necesita morder calquera cousa para acougar un pouco as molestias.
  • Ás veces pode diminuír o apetito.
  • É posible que, por culpa das molestias e a dor, o teu bebé teña falta de soño, provocándolle un estado de irritabilidade.
  • En ocasións pode producirse un aumento leve da temperatura.

O máis normal é que estes síntomas se alonguen durante 3 ou 4 días e que se acentúen pola noite, xa que é unha dor pulsátil (increméntase co latexo cardíaco, o cal se nota máis cando estamos en posición horizontal) e porque non está entretido como polo día, centrándose así na zona dorida.

Como axudar a acougar a dor de dentes

Para que alivies as molestias que sente o teu fillo/a durante o proceso de dentición, deixámosche por aquí algúns consellos que podes aplicar:

  • O frío axuda a acougar a dor. Se ten máis de 6 meses e xa comezou coa alimentación complementaria, ofrécelle froita fresquiña ou un mordedor especial tamén frío para que exerza algo de presión nas enxivas. No caso do mordedor, grazas ás súas cores e formas, estará moito máis entretido e atento a el e non á súa dor.
  • Realiza unha masaxe nas súas enxivas inflamadas co teu dedo envolto nunha gasa estéril ou previamente lavadas con auga moi fría.
  • Manteno entretido e distraído. Cando xogas co teu bebé prestarache máis atención a ti e será máis fácil que se esqueza durante un tempo das molestias.
  • Se a dor persiste ou existe unha maior irritación, o mellor é que acudas ao pediatra.

Coidado e limpeza dos dentes do teu bebé

É importante saber que a limpeza dos dentes empeza no momento no que comezan a saír, non debemos esperar a que teñan toda a dentadura. Para asegurar unha hixiene correcta e crear o hábito de lavalos todos os días é recomendable facelo desde o inicio da dentición.

É conveniente limpalos dúas ou tres veces ao día, sobre todo despois das comidas, incidindo na última toma do día, antes de deitarse. Recoméndase utilizar un cepillo de dentes de fibras brandiñas con pasta dentífrica de 1000 ppm de flúor desde a saída do primeiro dente. Necesítase moi pouquiña cantidade, do tamaño dun gran de arroz. As gasas húmidas e os dedais de silicona non están recomendados cando os dentes xa saíron, xa que non son efectivos.

primeros-dientes-bebegadis

Unha boa opción para crear o hábito do lavado é que che vexan facelo, xa que eles quererán imitarche. Ou, se es máis de cantar, existen moitos xogos e cancións para compartir cos/as máis pequenos/as e converter o momento do lavado nun moito máis divertido.

Hai que lembrar que os dentes dos nenos/as pequenos/as tamén poden sufrir caries polo que se deben limitar os alimentos edulcorados, doces e mel.

É recomendable a visita ao odontopediatra tras a saída do primeiro dente ou no seu primeiro ano de vida, o que ocorra antes. El/ela asesorarache e indicarache se hai algún problema e como corrixilo.

Desde Bebé Gadis esperamos axudarche un pouquiño co proceso de  dentición do teu bebé. Sabemos que é un momento moi bonito para lembrar e gozar no futuro.

 

Artículo escrito en colaboración con AGaEP, a Asociación Galega de Enfermaría Pediátrica.

logo_agaep